NEGUEIRA, MÁIS CA UN ENCORO

Situado no oriente da provincia de Lugo, lindeiro con Asturias, Negueira de Muñiz é un concello pertencente á comarca da Fonsagrada. Cunha superficie de 72,3 quilómetros cadrados, está formado polas parroquias de Barcela (coas aldeas de Cancio, Castelo, O/El Foxo, Rozadas, Santalla e Vilauxín), Marentes (cos núcleos de Calabreo, A Lavandeira, Pena da Nogueira e Robledo), Negueira (coas aldeas de Bustelo de Murias, Negueira, Pieiga, Sanformar, Seira e Vilaseca), Ouviaño (cos sitios de Bustarvelle, O/El Carballín, A Gamalleira, Ouviaño, Tallobre e Vilarmeor), Río de Porto (coas entidades de Entralgo, Río da Raseda, Sarceada e Vilagudín), e San Pedro de Ernes (coas aldeas de Ernes, Escanlar e Vilar).
 
 
O concello de Negueira foi creado por Real Decreto do 22 de xullo de 1928, pasando a denominarse Concello Constitucional de Negueira por iniciatia de Antonio Muñiz Álvarez. Anteriormente formaba parte, xunto coa Fonsagrada, do Concello de Burón, creado no 1833. No 1928, como agradecemento á súa persoa, pasou a chamarse Negueira de Muñiz, o que foi aprobado por Real Decreto do 22 de novembro de 1929.

A súa xuventude como municipio con entidade xurídica propia non significa, nin moito menos, que careza de historia. Como testemuñan as medorras que se conservan, por estas terras xa camiñaba o ser humano, polo menos, hai uns 7.000 anos. Presenza da que volvemos ter noticia no derradeiro milenio antes de Cristo coa aparición dos castros que no cambio de era foron reaproveitados polos romanos para controlar o territorio, asegurando así a produción mineira, principalmente de ferro e ouro, actividade que tivo a súa continuidade durante a Idade Media e que perdurou ata entrado o século XX.
 
 
De invernos fríos, de accidentada e montañosa orografía (dende o punto de vista físico é un dos municipios máis accidentados de Galicia), con relevos formados principalmente por xistos e lousas. Os vales, situados nas ourelas do río Navia, con temperaturas máis suaves, son escasos, o que non impediu un relativo desenvolvemento socio-económico. Pola documentación histórica sabemos da produción de cereais (trigo, centeo, millo), patacas, nabos, legumes, árbores froiteiras, castañas, noces e viño que, pola súa boa calidade, mesmo se exportaba. As colmeas fornecían as economías familiares de mel e cera. A cabana gandeira estaba composta por gando vacún, ovino, porcino e cabrún, produción que se complementaba coa caza de corzos e xabaríns.
 
 
Os ríos tamén eran outra fonte de alimento, coa pesca de troitas, anguías e salmóns. Na rede fluvial salienta o río Navia onde desembocan varíos ríos e regueiros como o Ibias, Couso, Pasadas, Marondo, Abelleiro, etc. Na actualidade, a base económica do concello asenta na gandaría e na explotación de madeira (piñeiros de repoboación que en moitas zonas substituíron ás sobreiras, érbedos, cerquiños, carballos, castiñeiros, etc.), a escasa superficie dedicada á agricultura oriéntase cara ao autoconsumo, se ben está a acadar cada vez maior importancia a produción de viño. A área de montaña, que ocupa máis das dúas terceiras partes do concello, foi declarada no 2001 Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), forma parte da Rede Natura 2000 en Galicia e, no 2007, da Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón. Esta última abrangue catorce municipios de Asturias e Galicia (Castropol, A Veiga, Taramundi, Santiso de Abres, Vilanova de Ozcos, Santalla de Ozcos, San Martín de Ozcos, Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz), acadando unha superficie de 158.883 hectáreas, das que 15.518 constitúen espazos especialmente protexidos de paisaxes, ecosistemas e especies.

 
Se a climatoloxía e a orografía do terreo xa non facían doada a existencia, os seus habitantes tiveron que padecer, ademais, a rapina dos señores feudais, entre outros os dos condes de Trastámara dende o século XIV, e logo a dos condes de Lemos e de Altamira que camparon ás súas anchas por estas terras a partir do último terzo do século XV, obrigando aos seus “servos” a pagar abusivos trabucos (agás Bustarvelle, que era couto particular pertencente a Tomás Quindós, de O Trobo, na Fonsagrada). O levantamento Irmandiño contra os tiranos, ben alcumados como “malfeitores” (nobres e eclesiásticos), puído trocar o devir histórico, non só de Negueira, senón de Galicia. Mais as tropas feudais, que en todo momento contaron co apoio da xerarquía eclesiástica, mellor organizadas e con moderno armamento, apoiadas polos reis de Castela e Portugal, ao que hai que sumar a división dentro das forzas populares, rematou coa revolta.
 
 
Durante o século XIX, Negueira tampouco foi allea aos acontecementos bélicos acontecidos en Galicia e no resto do Estado. Na Guerra da Independencia está documentado que cando o día 5 de xullo de 1810 o exército francés rompeu a coñecida como “liña do Navia”, a Xunta de Vitos (Grandas de Salime) trasladouse a Ouviaño, e de alí a Cecos (Ibias) para non caer nas mans das forzas napoleónicas. Tamén hai autores que apuntan a participación dalgúns veciños na primeira e segunda Guerra Carlista (1833-1840 e 1846-1849). O triunfo dos liberais non mudaron substancialmente as condicións de vida das xentes dos pobos de Negueira, a baixa nobreza que substituíra os grandes propietarios feudais, encarnada pola fidalguía, continuaba a ser a grande beneficiada dos privilexios que lles proporcionaban os foros. Así, existe constancia de que a loita social a favor da redención foral foi unha constante entre os veciños do municipio ata a súa abolición (Redención dos Foros) no ano 1925.
 
 
Foi nesta época cando entra en escea José Antonio Muñiz Álvarez, un home orixinario de Vilar de Ernes quen no ano 1883, despois de regresar á súa aldea (estivera emigrado en Cuba e en Francia), convence aos veciños das freguesías de Barcela, Ernes, Marentes, Negueira, Ouviaño e Río de Porto para segregarse da Fonsagrada e así constituírse en concello propio, independencia que se logrou o día 22 de xullo de 1928 pasando a chamarse Concello Constitucional de Negueira. O día 22 de novembro de 1929, por real orde, concédese o cambio de nome de Negueira polo de Negueira de Muñiz como agradecemento ao seu benfeitor. Denominación que non apraceu a todo o mundo: O día 30 de abril de 1929 no xornal El Orzán da Coruña, Antonio de Cora asinaba un artigo titulado Buscando un apellido onde amosaba a súa discrepancia co novo nome do municipio, propoñendo, entre outros, o de Negueira de Navia. Co golpe militar do 18 de xullo de 1936, don José Antonio Muñiz, republicano, é encarcerado na prisión provincial de Lugo, confiscándoselle, ademais, todas as súas propiedades. Morreu en Lugo o día 3 de xaneiro de 1956.
 
 
Pouco sabemos da participación dos veciños do concello de Negueira de Muñiz na Guerra Civil. Ademais do encarceramento de José Antonio Muñiz Álvarez polas súa ideoloxía democrática e republicana, coñécese o asasinato polos fascistas de Antonio Álvarez González e algún outro episodio que relatamos no apartado adicado ás Historias, lendas e tradicións.

A lenta pero continuada merma demográfica que encomezou a padecer o concello a partir do ano 1930, converteuse en imparable coa construción dun dos símbolos do rexíme franquista: o encoro de Salime, inaugurado no 1956, que asulagou terras e vivendas, provocando o éxodo de parte da poboación a cambio dunhas miserentas indemnizacións, abandonando uns lugares que os seus antepasados, ao longo dos séculos, conseguiran dominar para facelos habitables e produtivos. Para facernos unha idea do descenso poboacional, no Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, o coñecido como Diccionario Madoz, escrito entre o 1846 e o 1850, vemos que só nas freguesías de Barcela, Negueira e San Pedro de Ernes vivían a mediados do século XIX 1.320 persoas. E no primeiro censo de poboación publicado no ano 1930, o municipio contaba con 1.534 habitantes, e no 1970 con 590. No ano 2020, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), contaba con 225 habitantes (116 homes e 99 mulleres), coa densidade de poboación máis baixa de Galicia (0,40 habitantes por quilómetro cadrado).

PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO DO CONCELLO DE NEGUEIRA

Falamos de: > O megalitismo (medorras), > Os castros, > Época romana, > Outros xacementos (A Pena dos Encantos, Castelo de Cancio)

O MEGALITISMO NO CONCELLO DE NEGUEIRA DE MUÑIZ
Para atopar as primeiras noticias sobre o Megalitismo na montaña luguesa temos que mirar ao concello da Fonsagrada, a una referencia á mámoa da Casía da Arquela feita por Florentino López Cuevillas, citando a Vázquez Seijas. Haberá que esperar ao traballo publicado por Enrique López Fernández no Boletín do Museo provincial de Lugo no ano 1986, e que xa presentara nunha homenaxe a Cuevillas en Ourense baixo o título Megalitos y mámoas en el ayuntamiento de Fonsagrada, cando saian á luz preto de 150 enterramentos que o autor distribúe en varias áreas, unha no concello de Negueira de Muñiz, a do Carballín. En Galicia, os enterramentos máis antigos datan do quinto milenio antes de Cristo, acadando o máximo apoxeo no terceiro milenio, e mantendo o seu uso ata o 1500 antes de Cristo, xa na Idade do Bronce. No municipio de Negueira de Muñiz temos as mámoas, coñecidas eiquí como medorras, relacionadas a continuación.
 
MEDORRA DE BRAÑELA
En El/O Carballín, parroquia de Ouviaño. Localizada polo Colectivo Patrimonio dos Ancares no ano 2016. Situada a 1.050 metros de altitude, a pouco máis de 100 metros do límite con Asturias. Ten unhas medidas de 15 metros de diámetro e 0,60 de altura. Apréciase un cráter de violación pouco profundo. Sobre a mámoa vense pequenas pedras que formarían parte da coiraza. Os traballos agrícolas afectaron á masa tumular. Xa foi catalogada por Patrimonio da Xunta de Galicia.

MEDORRA DO CHAN DA ARQUELA
Patrimonio da Xunta de Galicia sitúaa en Vilarmeor, parroquia de Ouviaño, denominándoa como Mámoa da Chan da Arqueta. Pero está mal ubicada, en realidade atópase a 600 metros de distancia, no monte da Gamalleira, a 498 metros de altitude. Moi achandada, ten unhas medidas aproximadas de 16 metros de diámetro. Do cráter de violación asoma unha pedra do dolmen.
MEDORRA DO COTO DA LAGOA
No monte da Brañela, parroquia de Ouviaño, a uns 80 metros do límite co concello da Fonsagrada. Situada a 1.195 metros de altitude, ten unhas medidas aproximadas de 12 metros de diámetro e 0,50 de altura.
MEDORRA DO COUSO
Localizada polo Colectivo Patrimonio dos Ancares en outubro de 2019. Foi no monte Teso do Espiñeiro, entre as aldeas do Foxo e Vilar, a 650 metros de altitude, a carón dun antigo camiño que comunicaba Vilar con Castelo. Situada nun terreo con vexetación de monte baixo (xestas), ten uns 20 metros de diámetro e unha altura de 1,70 metros. O que nos chamou a atención foi unha estrutura circular feita con pedras de lousa de bo tamaño, duns dous metros de diámetro e un metro escaso de altura, que ocupa a parte central do túmulo. Estamos afeitos a ver mámoas reutilizadas para chantar marcos, vértices xeodésicos, etc., pero nunca cunha especie de chozo construído no cráter de violación do enterramento. Tiñamos coñecemento da existencia da posible medorra dende hai anos, o noso informante fora un home de Ouviaño que acostumaba ir á importante feira que se celebraba en Barcela antes de que a aldea fora asulagada polo encoro de Salime a finais dos anos cincuenta do pasado século, cuxo habitantes foron "reubicados" forzosamente na Terra Chá. O home contounos que de neno escoitara dicir a un de Vilauxín que debaixo da medorra estaba o Pozo Negro que tiña un encantamento; del saía unha voz que chamaba a persoas e animais, e cando se achegaban eran engulidos nas súas profundidades, non volvendo a aparecer nunca máis. Os veciños, entón, decidiron facer un alto muro arredor del para, aínda que oíran a voz, ninguén volvera a caer dentro. Outros aseguraban que os muros eran os restos dunha pequena torre de vixiancia para controlar o camiño que ía cara a aldea de Castelo, a menos de 1,5 quilómetros, onde puido existir unha fortaleza medieval. Á parte das lendas, cremos que se trata dos restos dun chozo onde se recollían os pastores. Secularmente, estes montes foron utilizados como lugar de pastoreo para as cabras. De feito, o sitio onde se atopa chámase O Couso, topónimo que, aínda que adoita facer alusión a un depósito de pedra onde se gardan os cereais ou a un foxo para cazar feras selvaxes, tamén se identifica cunha arca ou ucha, nome polo que son coñecidos os dólmenes prehistóricos. O couso ou foxo tamén pode facer alusión ao burato ou cráter de violación da mámoa.
MEDORRA DO FOXO

En El/O Foxo, parroquia de Barcela. En Patrimonio da Xunta de Galicia figura unha mámoa no sitio coñecido como Santos, denominada como Mámoa do Foxo, catalogada co código GA27035002, a uns 50 metros do encoro. Peiteado o lugar non atopamos restos polo que, en principio, cremos que pode tratarse dun erro. Mais esas, a filóloga Dolores González de la Peña, no seu magnífico blog arqueotoponimia.blogspot.com, achega a descrición que Antonio María Queipo y Ron, en Descripción topográfica del concejo de Allande, 1798, no Diccionario Geográfico de España (Asturias), de Tomás López: "en este número 14 [Foxo] a orillas del Navia se hallan cuatro modorras muy grandes que son unos cúmulos de tierra artificiales de figura de media naranja que habrán sido sepulcros gentílicos".
 
MEDORRAS DA BRAÑA DE ERNES
Na descrición de Queipo y Ron, achega na mesma entrada Dolores González de la Peña, di que "En esta sierra de Busbeirón o Braña de Ernes se halla una laguna que llaman de Correlos y en la circunferencia de ella, tres o cuatro modorras o sepulcros antiguos".
 
 
MEDORRA DO PICO PRIVAFORNELAS
En San Pedro de Ernes, case no límite con Asturias. Documentada polo Colectivo Patrimonio dos Ancares no mes de xuño de 2020, a 1.094 metros de altitude. Ten unhas medidas de 18 metros de diámetro e un de altura. Figura nun documento de lindes do ano 1875, suscrito entre veciños de San Pedro de Ernes e Valledor, no municipio asturiano de Allande.

OS CASTROS NO CONCELLO DE NEGUEIRA DE MUÑIZ

Pouco sabemos do pobo que habitaba nestas terras durante a Idade do Ferro, quizais os buroflavienses cuxa capitalidade se identifica coa Pobra do Burón, en A Fonsagrada. No castro asturiano do Chao de San Martín (Grandas de Salime, Asturias) apareceu un recipiente de cerámica común descuberto nun contexto do século I d.C. que amosa un grafito cunha inscrición que podemos traducir como: "Os buroflavienses desexan sorte en abundancia aos de Ocela". Algúns historiadores sitúan no castro do Chao de San Martín a antiga Ocellum Gallaicorum, capital do pobo dos zoelas, famosos entre os romanos pola calidade do liño que cultivaban. Pero as últimas investigacións apuntan a que os zoelas habitarían a área situada na rexión de Bragança (Portugal), estendéndose cara o leste ata a Terra de Aliste, na provincia de Zamora, e ata a área de Miranda do Douro. Segundo García de la Riega (1844-1914), que refutou as teses de Murguía sobre a orixe celta da poboación galega, a antiga comarca de Burón estivo habitada polos Abólgicos. Tampouco fallan os que apuntan aos Albións.
 
 
CASTRO DO CARBALLÍN
 
No Carballín, parroquia de Ouviaño, preto do Porto de Pedras Apañadas, a 1.175 meros de altiude. Practicamente destruído por unha canteira, tiña unhas medidas aproximadas de 120 por 100 metros. Aprécianse restos dun foxo. Apareceron muíños de man.
 
 
O CASTRO 

Na parroquia de Ouviaño.
Situado nun outeiro de lousa a 305 metros de altitude sobre o nivel do mar, nunha pequena península no encoro do río Navia, entre os regos Marondo e Abelleiro. Aínda que a impenetrable matogueira non fai doado adiviñar a forma nin as dimensións, semella presentar unha forma tirando a ovoidal, cunhas medidas no eixo máis longo de 100 metros e de 50 metros no menor. A simple vista non se observan estruturas nin defensivas nin habitacionais. Hortensio, un veciño de Vilarmeor, contounos que de mozo vira na parte máis alta un gran burato de forma redonda de feitura artificial. A forte pendente faino prácticamente inaccesible. Ao castro só se pode acceder polo SL que é por onde estaría a entrada, sitio que foi alterado pola construción dun edificio de cemento dunha empresa eléctrica, hoxe en día en desuso. Ao seu carón discorría, posiblemente, un ramal da vía romana que unía Lucus Augusti e Lucus Asturum. Hai unha lenda que di que este castro como o próximo de O Castrelín comunicaba por medio dun gran túnel coa explotación aurífera de Pedras Apañadas.
 

O CASTRIÑO OU CASTRELÍN 

Na parroquia de Ouviaño.
Situado, como o anterior, nunha pequena península do encoro, a poucos metros de O Castro, xunto a Ponte de Marondo que fai de liña divisoria entre os concellos de A Fonsagrada e Negueira de Muñiz. Como no caso de O Castro, érguese nun outeiro de xisto xunto un ramal da vía que ía dende Lucus Augusti a Lucus Asturum e estaría vencellado ás explotacións mineiras de ouro de época romana. Cuberto por mesta matogueira, non se observan restos de estruturas. A entrada estaría xunto o camiño asfaltado que baixa cara a aldea de Río de Porcos ou Riodeporcos onde apareceron unhas lucernas e ferramentas de época romana.
 


A ÉPOCA ROMANA NO CONCELLO DE NEGUEIRA DE MUÑIZ

O concello foi practicamente esquecido no estudo da época romana, tanto no tocante ás explotacións mineiras como ás vías de comunicación. Mais esas, as terras de Negueira de Muñiz, como veremos de seguido, non foron alleas a ese período.

A VÍA LUCUS AUGUSTI-LUCUS ASTURUM

Para a explotación dos recursos económicos e o control político, administrativo e militar, os romanos tiveron a necesidade de crear unha serie de infraestruturas. Entre outras temos a rede viaria que nun primeiro momento utilizarían os camiños xa existentes, moitos de época Neolítica.

A vía partía de Lucus Augusti (Lugo), atravesaba a comarca de A Fonsagrada e proseguía polo Alto do Acevo, castro do Chao de San Martín, Grandas de Salime e remataba no Lucus Asturum (Lugo de Llanera, no concello asturiano de Llanera) que antes da chegada dos romanos estaría habitado polos Luggones. A esta vía secundaria fai alusión o Anónimo de Rávena, obra do século X pero baseada en textos dos séculos IV e V.

Segundo Sáez Taboada, no seu Elementos para el estudio de la caminería en la Galicia romana: la vía Lucus Augusti-Ponte-Abei (1998), o trazado adentraríase en terras de A Fonsagrada por Paradavella, proseguindo polo Alto do Acevo e Vieiro ata Santiso (que identifica coa mansio Ponte Abei), continuando en dirección a Santa Xuliana, Cereixido, Estoupela, Vilabol e Vilar de Cuíña, para logo seguir o curso do río Navia por Fornaza e Vilarmeor (este xa no concello de Negueira de Muñiz), ata o límite con Asturias.
 
 
Neste percorrido, o camiño pasaría a carón dos castros de O Castriño e O Castro situados nunhas pequenas penínsulas do río Navia, pouco despois da ponte de Marondo que separa os concellos de A Fonsagrada e Negueira de Muñiz, seguindo por Vilarmeor dende onde continuaría cara o norte, transitando xunto un posible castro no Carballín, e deiquí polas cercanías da explotación aurífera de Pedras Apañadas para, dende o Alto do Acevo, proseguir cara o Chao de San Martín e Lucus Asturum.
 
 
Cómpre aclarar que este itinerario semella tratarse dun ramal dunha complexa rede viaria cuxo camiño principal sería o que co decorrer dos séculos utilizou o Camiño Primitivo a Santiago e que coincide coa estrada actual abeirada por varias necrópoles megalíticas. A respeito destes enterramentos do Neolítico, no ramal que dende Vilarmeor subiría cara o O Carballín e a explotación de Pedras Apañadas, atópanse dúas medorras.

No tocante ás vías de comunicación, non debemos desbotar a utilización dunha vía fluvial como lle podería proporcionar o río Navia, citado por Plinio (23-79 d.C.) e Ptolomeo (100-170 d.C.). Carlos Sánchez-Montaña, en celtiberia.net, achega a hipótese de que a mansión de Pons Naviae, de grande importancia estratéxica, que adoita situarse nas Pontes de Gatín (Becerreá), era o punto de confluenza entre as dúas capitais do Convento Lucense e Asturicense, con saída directa ao mar Cantábrico, como un xeito máis rápido de conectar as capitais co resto do Imperio para o transporte de mercadorías valiosas. Coa axuda da cartografía moderna, Sánchez-Montaña empraza Pos Naviae na confluenza dos ríos Navia e Ibias, en Negueira de Muñiz, lugar onde están as aldeas de Ouviaño, Pena Nogueira e Calabreo que posúen entre si unha relación xeométrica perfecta dun triángulo equilátero dunha milla romana de lado e que de maneira estratéxica controlan a confluenza das dúas cuncas fluviais.
 

AS EXPLOTACIÓNS AURÍFERAS

En época prerromana, a extracción de ouro limitábase á explotación artesanal dos filóns e dos praceres fluviais. Coa chegada de Roma transfórmase este tipo de explotación nunha industria extractiva a grande escala. Os tipos de explotación son fundamentalmente dous: un sobre xacementos primarios (filóns en rocha e de cuarzo aurífero), e outro sobre xacementos secundarios (filóns en aluvións e praceres fluviais). O primeiro facíase a base de grandes cortas ou furados a ceo aberto.

Plinio o Vello (23-79 d.C.) conta que das minas da Gallaecia, Asturia e Lusitania saían 20.000 libras de ouro ao ano (uns 6.500 quilogramos), estimándose en 600 millóns de metros cúbicos os que foron removidos en case 500 minas abertas ao longo de tres séculos, onde traballaban entre 10.000 e 15.000 homes (Arias Vilas 1992).

A poboación prerromana explotaría os placeres do río Navia mediante o bateo, aínda que xa coñecerían outros xacementos en galerías. Nas minas romanas, ademáis de homes libres, traballaban escravos e os condenados a traballos forzados (damnati ad metalla), baixo a dirección técnica e o control dos romanos, e vivirían nos castros, algún de nova construción.

A Serra de Pedras Apañadas atópase na fronteira galaico-astur. A análise máis detallada desta explotación aurífera foi a realizada por Enrique López Fernández e que pertence ao primeiro tipo de explotación sinalado máis arriba. Outra mina ben documentada é a de Penafurada, entre o Alto do Acevo e o castro do Chao de San Martín.

Outra explotación mineira ben documentada é a de Acevedo, en Castelo, parroquia de Barcela, a 700 metros de altitude.
 
 
O asentamento do Chao de San Martín, pola súa cercanía e importancia, desempeñaría un certo papel articulador dos castros da zona onde estarían incluídos os xa citados de Negueira de Muñiz, así como o tamén mineiro de Monte Castrelo, en Pelou (Grandas de Salime-Asturias).

Na comarca de A Fonsagrada existen abondosos vestixios de minas auríferas romanas vinculadas moitas veces con castros. Ao falar das vías de comunicación xa citamos O Castriño e O Castro situados a carón dun ramal da vía Lucus Augusti-Lucus Asturum.

Neste período encádrase o coñecido como tesouriño de Monteseiro (parroquia de A Fonsagrada limítrofe coa de Ouviaño, en Negueira de Muñiz), uns denarios de prata acuñados en tempos do emperador Galieno (218-268).

A toponimia tamén nos achega outra posible explotación mineira na parroquia de Río de Porto. Trátase dos Fornos da Furoca onde pode que se desenvolvera algún tipo de actividade metalúrxica.

Hai unha lenda que di que dos castros de O Castro e do Castrelín partía un túnel que comunicaba coa explotación de Pedras Apañadas.

OUTROS XACEMENTOS

A PENA DOS ENCANTOS

Trátase dun enorme afloramento xistoso situado xunto a aldea de Vilarmeor, parroquia de Ouviaño. A única referencia que coñecemos é a da páxina do Concello de Negueira de Muñiz que a cita como un xacemento arqueolóxico cando non existe evidencia de que no lugar apareceran restos que o confirmen. Segundo nos contaron os veciños don José Marondo, de 93 anos, e don Hortensio, arredor da pena hai unha lenda dunha moura que adoitaba aparecerse xunto unha fonte que hai no lugar, encantando a todo aquel que dubidara do seu poder. Don José lembra que a principios dos anos trinta do pasado século XX uns homes baixaron con cordas pola pena para ver de atopar o tesouro que agocha. José Manuel Cuervo Uría dime que o seu pai, nacido e criado ao pé da pena, lémbrase dos "Señores de Oviedo" (catedrático Uría Ríu e algún axundante) que no 1954 estiveron recoñecendo o cumio da pena e zona da chaira.
 

CASTELO DE CANCIO
 
Castelo é unha aldea da parroquia de Barcela (Negueira de Muñiz). Situada a 604 metros de altitude, entre dous pequenos cursos de auga que desembocan no regueiro de Acevedo, e este no río Navía, a tradición asegura que no sitio levantouse o castelo de Cancio do que non atopamos restos visibles, quizais perdidos, de existir, entre as arruinadas casas do pobo.


A pouca documentación escrita tampouco aclara gran cousa sobre a ubicación desta fortaleza. Ademais do nome da aldea, a uns 460 metros sobre a mesma temos o topónimo Castelo de Cantín, un afloramento rochoso que se eleva a 775 metros de altitude de complicadísimo acceso.

O xesuíta Luis Alfonso Carballo, no seu Antigüedades y cosas memorables del Principado de Asturias, publicado no ano 1695, di que a familia Cancio (con palacios en Castropol e Vegadeo, entre outros) tomou o apelido da Encomenda de Cancio, e que máis tarde o castelo pasou á súa propiedade por dereito de foro. O primeiro da linaxe, coñecido, sería Gonzalo López de Cerredo, casado con Dona Sancha, quen tiveron dous fillos, Nuño e Suero González. O primeiro herdou Cancio e o segundo Burón. Nuño, que tomaría o apelido do castelo de Cancio, casou con María Méndez de Donlebún; tiveron un fillo, Pedro Méndez de Cancio, quen herdou a fortaleza e o señorío nos primeiros lustros do século XIV. Suero poseeu o castelo de Burón, con homenaxe feita ao bispo de Oviedo no ano 1321 (era 1359).

Ampelio Alonso de Cadenas López, no seu Blasonaro de la consanguinidad ibérica (1980), di que a linaxe dos Cancio procede do "castillo de Cancio, Nogueira de Burón". Nogueira de Burón refírese, sen dúbida, a Negueira que, xunto coa Fonsagrada, pertencían á xurisdición Burón.


Foron os desa casa quen construíron eiquí un castelo? Durante canto tempo exerceron o señorío? Porque, ao parecer, a mediados do século XIV estaba en mans dos Trastámara, pasando no ano 1480 á Casa de Altamira que, ao menos ata mediados do século XVIII (tal como nolo achega o Catastro de Ensenada), controlaba o cen por cen da Fonsagrada e Negueira, agás os coutos de Bustarvelle e Marentes que eran propiedade, respectivamente, de Tomás Quindós e Bartolomé Rodón. Cando a Revolta Irmandiña (1467-1469), o castelo de Burón foi derrubado e quen obrigou a reconstruílo foi a familia Moscoso.

Só como hipótese, pode que no lugar houbera un castelo ou torre de época romana relacionada coas explotacións mineiras da zona, e mesmo para controlar o río Navia (algún autor conxectura que podería ser navegable en varios tramos, con mansión incluída ao seu carón) e a vía que enlazaría Lucus Augusti (Lugo) e Lucus Asturum (Lugo de Llanera, en Asturias), á que fai referencia o Anónimo de Rávena, obra do século X pero baseada en textos dos séculos IV e V.

 

Para rematar, nunha casa de Castelo hai unha inscrición da que hai anos nos informou Miguel Conde, o seu informante foi Salvador, o último habitante da aldea. Posiblemente incompleta, lemos: "AE NAVIA".


 

PATRIMONIO RELIXIOSO DO CONCELLO DE NEGUEIRA

A descrición do patrimonio relixioso do concello de Negueira de Muñiz débese aos autores. Nalgúns casos non se describe o interior porque cando a visita os edificios estaban pechados.
 

IGREXA DE SAN MIGUEL DE BARCELA
 
Asulagada, xunto co cemiterio e aldea, cando a construción do encoro de Salime. As súas ruínas só emerxen das augas nos veráns secos. Polas fotos, tiña planta rectangular con presbiterio máis alto ca nave, con espadana de dous vans. O mesmo lle aconteceu ás igrexa de San Pedro de Ernes e Río de Porto. En Apología en favor de la Santa Iglesia de Santiago en razón de la renta de votos que cobra..., de Pedro Antonio Sánchez Vaamonde (1749-1806), cítase a Ecclesiae Sancti Michaelis de Barcela que estaba rexentada por Joannem Petri.

   

IGREXA DE SAN PEDRO DE ERNES
San Pedro de Ernes tivo igrexa parroquial, consagrada a San Pedro, e cemiterio que quedaron baixo as augas do encoro. Segundo noticias da época, o templo estaba inacabado. Antes de encher o encoro, os veciños pediron poder trasladar os mortos do cemiterio pero non llo permitiron. 
 
No ano 2014 inaugurouse unha nova igrexa parroquial, construída en terreos cedidos por un veciño. Trátase dun pequeno templo de nave rectangular cuberto en lousa a dúas augas, con presbiterio máis alto ca nave cuberto a catro augas. No ano 2019 fixeron unha pintada nun dos muros.
 
 
IGREXA DE SAN SALVADOR DE NEGUEIRA
Construída a finais do século XV ou a principios do XVI coa intención, dise, de que fose un mosteiro se ben non hai documentación que o confirme. Salienta o pórtico cuberto que se estende ao redor da nave, con teitume máis baixa e con arcos para favorecer a iluminación do recinto. O templo consta dunha nave con planta de cruz latina, cunha capela en cada un dos dous brazos, e cun presbiterio con bóveda de aresta. Espadana de dous vans con senllas campás, e por riba campanil. Tanto as capelas laterais como a maior acollen interesantes retábulos, todos de estilo barroco. No retábulo da capela maior, do século XVIII, salienta a imaxe do Salvador. Na capela lateral norte, retábulo decorado de forma bastante rica, onde salienta a imaxe da Virxe do Carme co Neno cunhas tallas de xeonllos aos lados en actitude orante e un Sagrario co Agnus Dei. Nesta mesma capela, retábulo do século XVII cos figuras dun Ecce Homo (Cristo atado a unha columna), un San Bartolomeu cun dragón aos pés, o San Antonio e o San Xoán. Na capela lateral sur hai outro retábulo de finais do século XVIII coroado por un pequeno escudo suxeito por animais mitolóxicos, unha imaxe do Salvador de principios do século XV, a Virxe, San Domingos e outro santo. Xunto a igrexa érguese a reitoral.
Nun documento do 1 de xaneiro de 1760, o cura de San Salvador de Negueira, Sebastián Fulgencio Alonso Faiz, urxe a Alonso Magadán y Ron sinalar os días para recoller os décimos que lle corresponden.
No ano 1958, o alcalde José María López Villar queixábase dos problemas para trasladar aos defuntos de Barcela, que despois da construción do encoro quedara sen igrexa nin cemiterio, ata o camposanto de Negueira que, ante a falta dunha ponte, tíña que facerse en barca. No ano 1956, debido á baixada das augas, a barca que trasladaba o corpo dunha veciña quedou atascada no barro.


IGREXA DE SANTIAGO DE OUVIAÑO 
 
Situada na parte máis elevada da aldea. Trátase dun templo rural construído en lousa, de nave rectangular e tellado a dúas augas. No lateral sur presenta un pórtico rústico que, ademais de seren utilizado como lugar de espera antes dos oficios relixiosos, usábase como lugar de reunión da veciñanza. O presbiterio de planta cadrada é máis alto ca nave, está cuberto en lousa a catro augas. Sobre o lateral norte apoia un arco de medio punto ao que se accede por unhas escaleiras de pizarra que levan á espadana de dous corpos con tres vans que acollen as campás. No muro sur vese un reloxo de sol realizado en lousa onde se le: “Ano 1880”, antano situado na reitoral. No interior hai tres retábulos, o maior e dous laterais. O maior, dun só corpo con columnas vese, entre outras, a imaxe do Santiago Matamouros, de cronoloxía anterior á do retábulo. O retábulo lateral norte é de finais do século XIX cunha talla da Virxe María. No lateral sur, o máis sinxelo, están as esculturas do Santo Anxo que leva da man á Madalena. Tamén se conserva unha pía bautismal decorada con círculos. Na igrexa custódiase  unha cruz de prata e un cáliz do século XVIII.
 
No ano 1631, o mosteiro de Villanueva de Oscos reclama a sexta parte da aldea de Ouviaño e outros bens na xurisdición de Burón.
 
Ao menos entre os anos 1902 e 1932, foi cura párroco José López Villar. En xullo de 1932, o Gobernador Civil impúxolle unha multa de 300 pesetas por calumniar antes os fregueses aos ministros da República. 
 
 
 

IGREXA DE SANTA MARÍA MADANELA DE MARENTES

A igrexa parroquial sitúase na parte asturiana do concello de Ibias, pero á que pertencen varias aldeas de Negueira de Muñiz. Nave rectangular teitada en lousa a dúas augas. Presbiterio máis alto ca nave. Entrada principal cuberta por un pórtico. Espadana con dúas campás. Depende da Diócese de Oviedo.
 

IGREXA DE RÍO DE PORTO (San Brais da Barqueiría)
 
Asulagada polo encoro de Salime. Polas fotos da época, obsérvase que tiña planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas, co presbiterio, cuberto a catro augas, máis alto ca nave. Espadana de dous vans e campanil.
 
 
 
CAPELA DE SAN SEBASTIÁN DE CANCIO
 
Na parroquia de Barcela. Presenta planta rectangular construída en xisto, tellado cuberto en lousa a catro augas e coroado por un pináculo. Accédese ao interior por un pórtico. No interior vese un retábulo tosco de madeira que na actualidade carece de imaxes; hai un confesonario rústico.

 
CAPELA DE SANTALLA
 
En Santalla, parroquia de Barcela. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Accédese por un pórtico cuberto a unha auga. No interior pequeno retábulo presidido pola imaxe de Santa Olalla.


 
CAPELA DE SAN ILDEFONSO DE VILAUXÍN

En Vilauxín, parroquia de Barcela. Planta rectangular, muros de cachotaría e cuberta en lousa a dúas augas. No interior conserva unha imaxe de San Ildefonso.
 
CAPELA DE SANTA BÁRBARA DE BUSTELO DE MURIAS

En Bustelo, parroquia de Negueira.


CAPELA DE PELÓU
 
O motivo de achegar esta capela é debido a que figura no inventario de bens patrimoniais do concello de Negueira de Muñiz, publicado no Diario Oficial de Galicia do 12 de xullo de 1991. Aínda que está situada na aldea asturiana de Pelou (Grandas de Salime), eclesiasticamente pertence á parroquia de Negueira. Presenta planta rectangular con tellado de lousa a dúas augas. Engadíuselle unha espadana moderna dun van. Ao interior accédese por medio dun pórtico. Pode verse un sinxelo retábulo neoclásico dun corpo con imaxes toscamente labradas de San Paio, San Miguel e Santo Estevo.
 
 
CAPELA DE SAN PEDRO DE PIEIGA
 
Na aldea de Pieiga, parroquia de Negueira. Situada no alto da aldea, presenta unha planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Foi restaurada hai algúns anos. A mediados dos anos cincuenta do pasado século engadíuselle un campanario de cemento que substituíu á primitiva espadana. No interior hai un retábulo de fasquía neoclásica con varias imaxes, salientado a do patrón San Pedro.
 
 
CAPELA DE SAN VICENZO DE SEIRA
 
En Seira, parroquia de Negueira. Pequena capela construída en lousa, hoxe recebada e pintada, con tellado de lousa a catro augas á que se accede por medio dun pórtico. Presenta unha espadana dun van acaroada nun lateral. No interior hai un retábulo con varias imaxes; tamén poden verse varias cruces de madeira e un confesonario descuberto.
 
 
CAPELA DA VIRXE DA VEIGA
 
En Seira, parroquia de Negueira. Celébrase unha afamada romaría o día 15 de agosto. A antiga capela foi asulagada pola construción do encoro de Salime. A ermida actual, onde figura a data de 2001, érguese nunha área recreativa xunto o río Navia. Construída en lousa, con portas e ventás de granito. Espadana de granito labrado dun van coroada por unha cruz de ferro.
 
Nas inmediacións levantábase a antiga ermida que quedou baixo as augas do encoro de Salime. Tiña planta cadradra con pórtico a dúas augas, espadana de dous ocos e campanil.
 
 

CAPELA DE SAN ANTÓN DE VILASECA 
 
Na aldea de Vilaseca, parroquia de Negueira. Pequena capela de planta rectangular construída en lousa, cuberta a dúas augas. Accédese por medio dun pórtico cuberto a tres augas. Espadana dun oco. No sinxelo interior, vese un único retábulo neoclásico co San Antonio Abade, a Virxe co Neno, Cristo crucificado, Santiago Apóstolo e outra talla. Romaría do San Antón o 17 de xaneiro. 

 
CAPELA DO SAN ROQUE DE BRAÑELA
 
Levántase na Brañela, na parroquia de Ouviaño. Pequena capela de planta rectangular  construída en lousa. Tellado a dúas augas cuberto con lousa coroado por unha cruz de fundición e un pináculo. Accédese por un pórtico onde se pode ver unha inscrición que di: “En agradecemento ó párroco D. Ramón Rodríguez Mondelo, artifice da restauración desta capela. San Roque 22-08-2010”. No interior hai un modesto retábulo coa imaxe do San Roque e o can, e outras dúas tallas, máis pequenas, unha de San Antonio co Neno e outra do San Roque.   Fronte a capela hai dúas árbores onde se poden ver unhas cruces de madeira cravadas no tronco. 
No ano 2011, despois de restaurar a capela e facer unha homenaxe ao carro cun pequeno museo, volveuse a celebrar o San Roque cunha misa, comida ao aire libre, música e baile.
 
 

CAPELA DO SAN ANTÓN ABADE DE A GAMALLEIRA
 
En A Gamalleira, parroquia de Ouviaño. Construída en lousa, cuberta a catro augas co mesmo material. Ten un campanil nunha esquina do tellado. No interior, ao que se accede a través dun pórtico, presenta un modesto retábulo con tres imaxes, unha delas a do patrón San Antón Abade. Tamén se pode ver un pequeno altar e un rústico confesonario descuberto. 
Contáronnos que o patrón recibe o alcume de San Antón Lacueiro, de aí o dito: "O día dezasete de xaneiro, San Antón Lacueiro".
 
  
CAPELA DE OUVIAÑO
 
Situada na parte máis baixa da aldea. De planta rectangular, muros de laxas e teito de lousa cuberto a dúas augas sobre armazón de madeira. A porta está protexida por un pórtico. No interior conservaba as imaxes do Santo Anxo da Garda, Santa Bárbara e San Antonio. 
 
  
CAPELA DE SANTA MARIÑA DE TALLOBRE
 
En Tallobre, parroquia de Ouviaño. Pequena capela construída en lousa (na actualidade recebada e pintada de cor branca), con cuberta a dúas augas teitada no mesmo material e coroada por dous toscos pináculos. Ten un pórtico sobre o que se insire un campanil. No interior conserva as imaxes da patrona, Santa Mariña, San Antonio e Santa Bárbara. Tamén se pode ver un sinxelo confesonario descuberto.
 
 

CAPELA DA VIRXE DO CARMEN EN ENTRALGO
 
Na parroquia de Río de Porto. De planta rectangular construída en xisto, cuberta en lousa a catro augas. Pequeno pórtico e espadana acaroada nun lateral. No interior conserva catro imaxes (algunha procedente da asulagada igrexa de Río de Porto) e un crucifixo.
 
 
CAPELA DA VIRXE DA CARIDADE DE TRASMONTE
 
En Trasmonte, parroquia de Río de Porto.
 
 
CAPELA DA INMACULADA CONCEPCIÓN DE ERNES
 
Na parroquia de San Pedro de Ernes. De planta cadrada e cuberta en lousa a catro augas. Pequena espadana acaroada nun lateral. No interior non conserva ningunha imaxe, si un rústico confesonario.
 
  
CAPELA DE SAN ANTOLÍN DE VILAR DE ERNES
 
A capela de San Antolín de Vilar de Ernes foi asulagada polas augas do encoro de Salime.

 
CAPELA DE SAN LUIS DE ESCANLAR
 
En Escanlar, parroquia de San Pedro de Ernes. En ruínas.
 
 
OUTROS EDIFICIOS RELIXIOSOS
 
En Foxo, parroquia de Barcela, había unha capela posta baixo o padroado de San Xoán.
 
A ermida de Airela e Armilda está emprazada no concello asturiano de Grandas de Salime aínda que eclesiasticamente pertence á parroquia de Negueira. É de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas; está adicada a San Nicolau.